Eu vexo irrelevante a simpatía ou a repercusión que poida xerar en España, a verdade. Nin aspiro a caerlles ben, nin a que entendan o Celta nin a compartir celtismo con ninguén. Precisamente, por iso temía un exercicio desatado de folclore cutrón, algo moi popular pensado para impulsar a imaxen do Celta alén da Ría de Vigo. Por outra banda, si vexo moito máis relevante poder actualizar a imaxe do Celta, tanto de cara á xente nova como para os que xa seguimos dende hai moito ao equipo.
E coido que aí está o seu mérito: non sacrifica o significado para ser popular. E non compromete a calidade a cambio de melodía e letra cantables nas bancadas. Sorprendeume o tacto que ten para recuperar motivos moi propios sen caer no chovinismo, para actualizalos e darlles este ar futboleiro, case hooliganesco. Non acabo de entender o ton tebroso (eses "dementores", figuras das sombras que espreitan dende as marxes), a estética tan escura e neboenta (hai, se cadra, unha especie de visión espiritual/infernal/tribal?) pero me gusta moito en calquera caso o vídeo. Gústame tamén, por certo, que sexa tan impersonal, que as voces sexan corais, que apenas se recoñezan caras, que todo se apoie na multitude e máis no acervo cultural popular, sen referencias exclusivas.
Por certo por aí atrás falábase dunha versión de estadio. En Spotify xa hai unha versión máis curta. Alegrareime enormemente de librarnos da tortura do lololo lololo lololo (aínda que tamén está no vídeo).
E algo que ocorre coas mellores experiencias: gusta máis canto máis o escoitas.