Non estou dacordo con que o proxecto do GS360 sexa algo ambiguo, etéreo. Está moi clariño o que queren facer: pabellón multiusos, hotel, universidade do deporte, clínica?, e centralizala demanda de material e outras necesidades que poidan telas entidades deportivas galegas. O que queda no aire é o uso concreto que se faga deses espacios, pero iso non o podes definir ata que saibas ben que xente participe no proxecto. Por exemplo, se convencen para vir a Jurdan Mendiguchía terán uns laboratorios de fisioterapia e prevención máis avanzados do mundo, pero se non ven non.
Despois, aínda que non sexa un aeroporto, ese proxecto ten potencial abondo para ser de interese comunitario? Pois coido que si, de forma directa e indirecta:
- Creación dunha morea de postos de traballo, moitos deles de alta cualificación.
- Atracción de inversores internacionais á comarca.
- Potenciación doutro tipo de turismo máis aló do sol e praia.
- Aumento da oferta da universidade, tanto didáctica como en investigación.
- Mellora das vías de comunicación arredor da universidade.
- Apoio económico e loxístico aos deportes minoritarios.
Claro, todo iso queda supeditado a facelas cousas ben, pouco apoio vas dar se logo aos equipos de balonmán lles vendes as camisolas a 19,95€ en lugar de a 20€, pero en principio ten o potencial para ser un proxecto beneficioso para toda a comarca, tanto deportiva como social e económicamente.
Despois convén recordar que o Celta leva anos traballando no proxecto e negociando coa xente, ofrecendo un bo precio polos terreos que pretendía. Oferta que, por certo, aceptou xente suficiente para xuntar varios miles de metros cadrados de terreo. Non é que a expropiación fose o seu primeiro recurso.
Pero claro, e este é un pero moi grande, as cousas hai que facelas ben. Para construir hai que telos terreos e os permisos en regla. Non vale con tirar de apoios políticos para sacar adiante unha obra que polos cauces legais tiñan atascada. Os comuneiros de Tameiga teñen razón? Pois non o sei, dependerá do que priorice cada un, pero que o Celta non fixo as cousas ben está clarinete.
E o maior erro que se cometeu, para variar, é de comunicación. Se te negan un centro comercial e respondes cun proxecto faraónico para que a Xunta te dea vía libre, ou se declaras o proxecto de interese autonómico pero non detallas, punto por punto, por que cres que é así, pois a xente pensa en amiguismos e pelotazos. Por ahí tes á opinión popular perdida (con razón) e se a propia xente non quere o teu proxecto igual tiñas que repensalo. as cousas hai que facelas ben e explicalas mellor.