A ver, eu lin as dúas primeiras páxinas deste asunto e non entendo moi ben tanto dramatismo.
Por suposto que somos unha afección que sufre moito: Temos o equipo en primeira e iso implica que gañar partidos é realmente difícil. Quen pense que imos gañar porque si non ten nin idea. Tal e como está montado o circo, os mellores xogadores son máis caros e son os clubes máis poderosos os que os poden fichar. Se non se dá máis oportunidades á canteira dependeremos das fichases, e que ninguén pense que por gastar varios millóns nun xogador iso o vai converter en mellor xogador que os dos equipos rivais que teñen máis ou menos o mesmo orzamento. Por non falar dos que teñen máis orzamento. Estamos onde podemos e só poderemos aspirar a algún título se algún ano nos tomamos a Copa en serio dunha vez. Na Liga, se conseguimos non descender é o que, por norma, nos ten que chegar. Se por algún motivo hai unha temporada en que conseguimos algo máis (algunha clasificación para competición europea) non deberíamos perder a perspectiva nin facer castelos no aire. Sobre todo porque estar en competicións europeas co noso orzamento é camiñar sobre a corda frouxa.
Na miña opinión, o único xeito de poder medrar deportivamente sería investir moito máis tempo e diñeiro en ter unha canteira de maior cantidade e calidade. Apostar moito máis forte por ese camiño. Tratar de competir cos clubes que adoitan clasificarse para Europa a base de talonario é unha excelente maneira de tirar os cartos.
Por suposto que somos poucos no estadio. Por moitos motivos. Por onde está situado moita xente non pode ir andando e menos en inverno con chuvia e vento. Moitos abonados non vivimos en Vigo, moitísimos. Os horarios dos partidos son infames. É case imposible aparcar cerca. O estadio é incómodo e vello. A reforma é eterna. Cando chove, os abonados de Tribuna baixa e parte dos de Tribuna alta, móllanse ata os calzóns. Que clase de arquitectos fixeron algo así? Os que estamos en Gol estamos moi lonxe de visualizar o que ocorre na area máis alonxada. Ver fútbol no estadio debería ser máis cómodo e barato. Varios anos para esta ñapa é unha broma de mal gusto.
Criticar a afección do Celta ten delito: Pódese dicir que non van moitos pero os que van teñen gañado o ceo.