A verdade é que eu estou bastante contento con Campos. Ou polo menos ilusionado.
Por primeira vez en moitos anos parece que temos a alguén ao cargo da dirección deportiva. Eu polo menos teño a sensación de que Mouriño e Chaves non se meten tanto nesta parcela como facían cando estaban Torrecilla e, en maior medida, Miñambres. É unha queixa que se levaba tempo comentando, polo menos no meu entorno.
Polo tanto celebrei bastante a chegada dun perfil como o de Campos e, sobre todo, a sensación de recoñecemento por parte da directiva dunha certa parte de culpa e de que xa era momento de facer as cousas cun pouco máis de sentidiño.
É certo que a chegada de Campos cun perfil como Coudet no banquillo daba un pouco unha sensación de "quiero y no puedo" e durante a configuración da plantilla se intentou contentar a dous polos opostos.
Agora que están Campos e Carvalhal por fin, depois de moitos anos, eu vexo que hai unha harmonía nos perfís de Director deportivo e adestrador e sobre todo, a sensación de que a directiva vai deixar facer a Campos (que, por outra banda, para algo está pagando a alguén do seu caché).
Oxalá pasemos esta tempada con algo de tranquilidade e a planificación da tempada que vén e o que permita o mercado de inverno xa vexamos outros movementos e se reforce a sensación de que todos reman na mesma dirección.