Está habendo un ruxeruxe do carallo co tema do que pasou na final da Copa de Europa en París o outro día. Bótanlle a culpa á multiculturalidade porque non poden botarlla á inmigración, xa que é moi probáble que case todos os protagonistas dos incidentes sexan franceses de nacemento, incluso de segunda ou terceira xeración. E quero, apetéceme, contar algo.
Non é un problema de que sexan moros. É un problema de non integración. E a non integración é culpa deles ou é culpa da sociedade que, de sempre, os recluiu en guettos? Cando metes a un grupo culturalmente homoxéneo nun guetto, discriminado e apartado, e ese grupo medra, é normal que siga sendo un guetto. E, ao medrar, é normal que se expanda. Se son máis e teñen os mesmos recursos, a pobreza no guetto aumenta, así que o guetto cada vez ten máis diferenzas co resto.
Vivo nunha aldea (nin sequera parroquia) de 90 casas. Dende que era pequeno aquí vivían un portugués e unha holandesa (en casas distintas) e integráronse perfectamente. Tanto é así que incluso a holandesa fala galego e plantaba patacas na horta, coma todos os demáis. Agora, na mesma aldea, hai un par de mozas centroamericanas (tamén en casas distintas, coidando a xente maior, pero aquí están, nun dos casos ca familia toda) e unha familia de castellanos. Ningún deles fala galego. A ningún deles se lles ve ter unha conversa co resto da veciñanza. Non se lles sabe o nome nin, obviamente, eles saben os nomes dos seus veciños. Non hai integración. Os veciños facilitámoslle a integración tanto como antes ao portugués ou á holandesa.
Con isto quero dicir un par de cousas:
1- A sociedade que recibe xente nova ten que facilitar a integración desa xente venidera.
2- A xente venidera ten que querer integrarse.
Conclusións:
- Se creamos guettos para a xente venidera, nin lles facilitamos a integración nin eles van a ter moitas gañas de integrarse.
- Se recibimos moita xente nova, tanta que supera en número aos nativos, non van ter necesidade de integrarse porque xa teñen a súa sociedade independente da nativa.
- Qué carallo de integración imos pedirlles aos demáis se cando ven un español non quere aprender galego porque "llo impoñemos".
Sei que hai moito medo á suplantación racial e cultural. Pero, realmente, decatémonos de que temos unha poboación envellecida, con territorios cada vez máis abandonados e despoboados. Precisamos de xente que veña aquí a vivir. En vez de poñer barreiras o que debemos é integralos. Convirtamos a multiculturalidade (que, polo visto, non mola nada e todos falan mal dela) en cosmopolitismo (non fai moitos anos as cidades máis cosmopolitas eran as máis molonas).