Analisis de Gesto.
Me pemirto transcribirlo:
Como xa moitos saberedes, Radu vén de ser un xogador importante estes últimos meses co Venezia. Pese ao descenso tivo boas actuacións co equipo da cidade do Véneto e xustificou a súa cesión de media temporada.
A súa carreira foi iso ata agora: cesións. Labor de bombeiro.
No Inter ao comezo tiñan esperanzas con el. Co paso dos anos mantívose con contrato pola posibilidade de atopar nel un relevo a Handanovic ou alguén que puidese substituilo puntualmente coma segundo porteiro.
Mais todo iso... Quedou atrás cun erro que valeu un Scudetto no 2022.
O caso é que nesas experiencias breves en Genoa, Cremona e Venezia (ademais de Auxerre) conseguiu convencer e gañarse un oco no cartel das grandes ligas europeas.
E aquí é onde aparece o Celta. Un equipo sen gardarredes titulares para a 25/26 que tiña interese en conseguir un.
Sobre o papel, a lóxica no movemento é máxima.
- Porteiro con escasos partidos sénior, pero xa rodado, maduro. Con experiencia en grandes ligas.
- Oportunidade de mercado, posibilidade de firmalo antes de xullo 2025 (importante isto).
- Bo papel na 24/25. Vén de dar bo nivel.
A miña 'sorpresa' está no perfil meramente futbolístico. Se tivese que definir a Radu cunha palabra é a de "parador".
Nesa expresión tan manida de "o importante dos porteiros é que paren" Radu cumpre de sobras. Ten notables virtudes para defender en área pequena e tapar arco.
Porteiro de estatura media (1,88m) dotado dunha enorme axilidade. Gran capacidade de reacción, reflexos. Tamén con certo voo e estirada para amosar seguridade fronte a disparos frontais e medios.
Rápido cubrindo espazos ás costas de defensas baixas, saíndo ao 1vs1. Apto cos pés.
A faceta preocupante (para min) é que coma meta non me transmite a xerarquía dun gran porteiro. Non ten o mando na área que si ten o mellor Guaita, por exemplo (aínda que nesta 24/25 perdera moitísima capacidade para deter balóns).
Tende a facerse máis pequeno ca grande.
Apenas sae de área pequena, apenas goberna nos balóns laterais e os centros á área. E tivo ao longo da súa carreira momentos de desconexión e de falta de consistencia que custan caro.
Ese que valeu unha liga: o máis evidente de todos. Pegada imborrable no seu historial.
Algo que non se corresponde en absoluto co comentado por Marco Garcés hai escasos días na súa rolda de prensa.
Non teño dúbidas de que pode traballar e mellorar nesas facetas, mais a sensación de empequenecerse e ser máis "defensor da portaría" ca "un gardián na área" é enorme.
Volvendo á lóxica do movemento, está claro que Radu, dentro das posibilidades deste exercicio económico da Celta, seguramente era das mellores.
Mais se pensamos nunha "aposta de proxecto", nun porteiro que teña que "herdar o posto" a futuro, está claro que non é o nome na mente.
E aquí eu vexo, principalmente, dúas posibilidades e perspectivas posibles de mercado por parte do equipo.
1. O Celta ve en Ionut Radu un titular absoluto e unha aposta firme para moitos anos nese posto. Un xogador de 3/4 anos de bo rendemento en Primeira División.
E pode selo.
2. O Celta asegúrase con Radu, neste exercicio económico, un porteiro en disposición de pelexar o posto de titular contando coa posibilidade de traer a outro máis novo. Compaxinable cunha outra "inversión", nun hipotético escenario de mercado no que teña fondos para apostar.
De feito non son excluíntes: ámbalas dúas poden ser parte da mesma perspectiva. Nunha tempada na que vas disputar tres competicións o rol de "titular" é ben difuso cando hai un porteiro que xoga 38 partidos. e outro que pode chegar a xogar uns 20.
E aínda estamos a xuño.
A min, coma perfil, podo dicirvos que me transmitiu pouco e non me gusta. Xa volo anticipaba onte. Non é un tipo de porteiro que me ilusione.
Agora ben, non son alleo ás súas virtudes e creo que (especialmente) na rutinariedade dunha liga pode dar puntos e deter moitos balóns.
Déixame moitísimas máis dúbidas en escenarios de Copa/UEL, nos que coa ambición de campionar, teñas un porteiro así.
De feito Lucescu, no sempre cristalino fútbol de seleccións, nin o leva ás convocatorias.
Dito isto, ogallá equivocarme.
E sexa o que sexa, a morte con Radu.