Creo que paga a pena comentar aquí a nova da fichaxe dun especialista no balón parado. Esta é unha decisión sinxela pero que, nos moitos anos que levamos sufrindo co mesmo problema, ninguén tomara. De xeito puntual houbo unha melloría no ano de Unzué, pero porque o seu segundo xa era bo niso. Para min, de confirmarse, esta decisión enmárcase na continua profesionalización en distintas áreas do clube. Para o departamento de scouting ficháronse olladores e analistas, e na planificación do mercado parece que, por primeira vez dende Torrecilla, hai un plan: está claro o que hai e o que fai falla. O ano pasado da a sensación de que había nomes concretos apuntados en vermello (Borja, Marcos) e se intentaron ata que estivo claro que había que activalo plan B (Ilaix por Comesaña?). A aposta polo talento xove parece que tamén se está a tomar máis en serio dende a directiva, algo que ata agora parecía supeditado ás decisións persoais dos adestradores de turno. Falo de tódalas categorías, non do primeiro equipo.
Diría que o seu maior debe agora mesmo son os nomes. A eterna negociación con Carreira hai tempo que debía estar pechada. Se os tempos no de Alfon son os que se din pouca culpa, pero non se nos pode escapar xente así. No primeiro equipo acertou coas fichaxes, pero para o Fortuna fichouse moito e o nivel foi o que foi. As apostas máis fortes (Allende, Emi, Jones) entendo que se fixeron nun contexto moi concreto, pero a falta de ver a Jones de momento tampouco supuxeron unha subida de nivel.
Para min de momento o balance segue a ser positivo. A ver se na rolda de prensa de esta semana di algo interesante (dubídoo) e, sobretodo, a ver que nos trae este mercado europeo.