O Celta Fortuna comezou a tempada cun valioso punto colleitado no sempre complicado estadio Ruta de la Plata. Foi un partido de moita loita e poucas ocasións claras, no que as defensas se impuxeron con claridade aos ataques.
O noso filial, cun equipo moi renovado e cheo de xuventude, plantou cara a un Zamora veterano. Durante a primeira metade, o dominio local foi lixeiro, pero sen crear perigo real sobre a portería de Coke Carrillo, que estivo moi seguro durante todo o encontro. O Fortuna, pola súa banda, intentaba ter o balón, con Óscar Marcos tratando de poñer orde no xogo celeste, pero sen conseguir conectar cos homes de arriba. O maior susto para os nosos chegou nunha saída de Coke que puido custarlle a expulsión, pero a xogada foi invalidada por fóra de xogo previo.
Na segunda metade, o guión non cambiou demasiado. Fredi Álvarez moveu o banco para buscar máis profundidade e o equipo mellorou, chegando con máis asiduidade á área rival. Con todo, a ocasión máis clara foi para o Zamora, pero atopáronse cunha man prodixiosa de Coke Carrillo que salvou o que parecía un gol cantado. O Fortuna tamén tivo a súa oportunidade cun gol de Álvaro Marín, pero foi correctamente anulado por fóra de xogo.
Ao final, un empate sen goles que serve para arrincar a tempada sumando fóra da casa e que deixa boas sensacións a nivel defensivo, aínda que con marxe de mellora no xogo ofensivo.