

Chegamos a este partido con ganas de sumar a primeira vitoria da tempada, que xa vai sendo hora. O equipo de Giráldez vén dun empate co Villarreal e necesita facerse forte na casa.Non obstante, Balaídos non está a ser o fortín de antes e o míster leva a súa peor racha de resultados como local en Liga.
O que máis preocupa, sen dúbida, é a defensa. Estamos pendentes do estado de Marcos Alonso e Carl Starfelt. O madrileño ten molestias no xeonllo e o sueco, que xa empeza a adestrar co grupo, sae dunha rotura fibrilar. Son dous piares fundamentais e a súa ausencia pódelle complicar moito as cousas a Giráldez.
E en fronte temos un Girona que, aínda que veña como pechacancelas con 0 puntos, non nolo vai poñer nada doado. De feito, historicamente Balaídos dáselles bastante ben: só perderon un dos seus últimos cinco partidos aquí e puntuaron nas súas últimas tres visitas. Virán con ganas de sumar os seus primeiros puntos da tempada.