Comento isto por desafogarme e compartilo, sen a intención de botar máis merda ao lixo:
Ao comezo da tempada díxenme que o ía tomar con calma: ir a Balaídos para ver os colegas, botar alí o rato e dándolle a importancia xusta ao fútbol. Quedara xa escaldado do ano anterior e o mercado xa me parecía unha impertinencia (co todo show de Veiga sen substituto). Este plantexamento axudoume, pero despois destes partidos, sigo comezando mal as semanas, e sen ganas ningunhas de ir ao estadio.
E nunca fora así. Sempre entendín unha mala situación, malos planteis, menos cartos... Pero agora dáme noxo chegar ao campo e ver varias portas fechadas: sen unha explicación lóxica (que igual a hai), alí, agardando na ringleira, só podo entendelo coma unha extensión dese desagradábel xeito de facelo todo mal, racaneando, sen deferencia cara aos que imos ao campo. É coma entrar nunha enorme maquinaria especulativa, que atinxe o seu máximo absurdo o domingo, tralo circo prepartido, tras as habituais escusas dos luns, os enfrontamentos sobre o estadio, os xogadores facendo o paiaso en twitter, toda a parafernalia marketiniana das camisetas e o himno... Toda canta merda hai menos fútbol, que tamén desprende esa vontade de pegar un pelotazo cada verán. E de aí a diferenza coa miña infancia de partidos en segunda, cando o bo ou mal facer viña condicionado por serias limitacións. Agora si dá a sensación de que se podería ter feito moito mellor.
E xa no partido, síntome ante unha enorme farsa: enganado, humillado, traizoado. Só podo velos cos celtistas máis recalcitrantes, porque na casa, diante da miña moza por exemplo, sinto vergoña e patetismo; non porque sexa dos seareiros máis efusivos, senón porque parece que estea a facer algo suxo, inflixíndome un pracer/tortura daniños. Algo así coma se me estivera metendo unha raia de coca ou protagonizando un espectáculo sadomaso. Ela, comprensiva coma cun enfermo, xa nin me pregunta o resultado, e preodúcese un silenzo implícito: para isto quedamos outro serán na casa?
Non estou tan jodido como, por primeira vez, desconectado do equipo, desilusionado, asqueado. E, ao contrario de tantas outras veces, isto non se pasa durante a semana, senón que se acentúa.